Excarceran unha muller ao envorcar co coche en Caldas
Por Redacción
Unha muller foi excarcerada á primeira hora da mañá deste sábado nun accidente de circulación rexistrado ao envorcar co vehículo no que circulaba por Caldas de Reis.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112, unha dotación dos Bombeiros do Salnés encargouse de liberar á muller ferida do interior do vehículo, coa axuda dun equipo de excarceración. A vítima, que permaneceu consciente en todo momento, foi evacuada nunha ambulancia ao Hospital do Salnés.
O sinistro tivo lugar na estrada que une a parroquia de Saiar con Vilagarcía de Arousa, á altura do lugar de Arretén. Unha persoa particular daba a voz de alarma ao 112 Galicia minutos despois das 8.00 horas da mañá.
Os profesionais do Centro de Atención ás Emerxencias estableceron comunicación con Urxencias Médicas e cos Bombeiros do Salnés. Tamén se informou ao GES de Valga, a Protección Civil de Caldas e á Garda Civil de Tráfico.