Semana intensiva de vixilancia sobre o uso do cinto e os sistemas de retención infantil
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Dirección General de Tráfico (DGT) poñerá en marcha o luns día 12 unha campaña intensiva para controlar o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI) en todas as vías pontevedresas.
Desde o luns ata o domingo día 18, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis para comprobar que o condutor e os ocupantes dos vehículos fan uso do cinto de seguridade. E tamén comprobarán que os menores viaxan cos correspondentes sistemas de retención infantil adecuados á súa estatura, peso e idade.
Tráfico lembra que o uso de sistemas de retención homologados veuse evidenciando como o sistema de seguridade viaria máis sinxelo e rendible en todo tipo de vías e traxectos, ademais de ser imprescindible para que o airbag sexa eficaz. A DGT estima que o uso do cinto reduce á metade o risco de morte en caso de accidente e que un neno sen suxeición multiplica por cinco as posibilidades de sufrir lesións mortais ou graves.
Nos últimos anos observouse en España unha tendencia estable do 25% de vítimas mortais en accidente de tráfico que non usaban o cinto ou sistema de retención infantil, de aí a importancia de campañas como esta, que se enmarca dentro da programación de campañas especiais de vixilancia previstas pola DXT para mellorar a seguridade viaria e concienciar aos usuarios das vías sobre a importancia de manter comportamentos máis seguros.