Solicitan a instalación de redutores de velocidade na Lanzada
Por Redacción
O grupo municipal do PSdeG-PSOE de Sanxenxo levará ao próximo pleno da corporación unha moción para pedir á Xunta de Galicia que instale redutores de velocidade e bandas transversais de alerta na saída da Vía Rápida VG 4.1 na Lanzada.
Segundo informou o PSOE de Sanxenxo, a súa portavoz, Coral González-Haba, rexistrou unha moción na que pon de manifesto a súa preocupación pola actual situación de seguridade viaria no tramo da vía rápida que une Sanxenxo e A Lanzada.
Respecto diso, lembra que no ano 2012 ao PSdG-PSOE, coñecedor de que existía un proxecto de desdobramento de carrís para a vía rápida, instou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a valorar a instalación dunha medianeira provisional que regulase o tráfico e a velocidade mentres non se realizaban as obras de desdobramento.
En relación con esas obras do desdobramento, sostén que "levan un atraso importante" e na saída na Lanzada xa se produciron varios accidentes, dous deles nos últimos días. Fronte a esta situación, consideran que a colocación de redutores de velocidade e bandas transversais de alerta pode axudar a conseguir unha redución na velocidade e un aumento da atención na condución.