Prezos "anticrise" para o caldo de Mourente
Por Oskar Viéitez
Unha cunca de caldo por tan só dous euros, é un bo prezo. Pero si ademáis podemos repetir todas as veces que nos apeteza, iso é un agasallo.
Tamén podemos acudir ao lote completo. Tomen nota: orella, tenreira, lacón, panceta, chorizo, grelos, pataca, pan e cubertos por 4 euros, ¡e lévaste a cunca!
A XXII edición da Festa do Caldo de Mourente celebrarase o fin de semana do 9 e 10 de marzo nesta parroquia pontevedresa.
Os organizadores, da asociación de veciños O Castro, seguen esperando a que se recoñeza ao evento como "Festa Gastronómica Galega" ao que adoitan acudir uns 6.000 comensais, "e coma nos partidos políticos temos unha bolsa de incondicionais que non fallan nunca", chanceou o presidente, Santiago Laya.
O festexo comeza ás 12.00 horas o sábado, coa imposición de Capas e medallas aos novos cabaleiros e damas da Orde do Caldo. Como o xeneral da Brilat, Alonso Miranda; o biólogo, Antonio de Ron; o traumatólogo, Anxo Echeverri; ou o empresario portugués, Ferreira dá Cunha, entre outros.
Por certo que o empresario luso doou á organización un lavapratos.
A xornada do sábado concluirá cunha verbena nocturna amenizada por Suavecito e Orquesta Impacto
O domingo, os actos comezarán ás 12.30 horas. O pregón, lido pola escritora Fina Casalderrey, será ás 13.00 horas e tras unha entrega de distincións iniciarase a degustación popular no campo da festa dos Areás.
Pola noite haberá máis verbena, esta vez coa Orquesta Xacobeo e Los Antonis.
Como cada ano a comisión festiva homenaxea a varios veciños pola súa colaboración coa Festa. Nesta ocasión serán Dolores Otero Seoane e Manuel Suárez Acuña.