Barro non terá que pagar a expropiación pendente do Pazo da Crega
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Boas novas para as arcas municipais de Barro. Un acordo ratificado este luns evitará que o Concello teña que pagar os 245.000 euros máis intereses da expropiación pendente na finca do Pazo da Crega no San Antoniño.
Todo partiu dunha sentenza do Tribunal Supremo que a principios de ano obrigaba ao Concello de Barro a pagar o diñeiro pendente desa expropiación do ano 2007. Facíalle responsable civil subsidiario pola desaparición da promotora urbanística que se tiña que facer cargo deses pagamentos.
O goberno municipal decidiu esgotar todas as vías políticas, administrativas e xudiciais para evitar que cos cartos dos veciños de Barro "se pagaran uns terreos dos que non somos beneficiarios", sinalan desde o Concello.
A vía xudicial segue aberta con un recurso no Tribunal Constitucional, pero as xestións políticas xa deron os seus froitos.
A Xunta de Compensación -composta por todos os propietarios dese ámbito de actuación e na que o SAREB ten arredor do 80% dos terreos- acordou afrontar o pagamento pendente desa expropiación para posteriormente proceder a rematar a urbanización e que eses terreos poidan volver a saír ao mercado.
Esta medida, segundo o Concello de Barro, es una "dobre boa noticia", xa que por un lado evítase o pago con diñeiro público e por outro fanse as xestións necesarias para que ese terreo, que reúne boas condicións para construír, poida estar dispoñible en pouco tempo.