Investigan a aparición dun cadáver no interior dun coche en Figueirido
Por Natalia Puga
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Unha chamada dun particular alertou na mañá deste martes da presenza dun cadáver no interior dun coche na parroquia de Figueirido, en Vilaboa. A raíz do achado, a Garda Civil e a Policía Nacional abriron unha investigación para aclarar a identidade da persoa falecida e as circunstancias da morte e estase indagando se se trata dun home cuxa desaparición fora denunciada hai unha semana en Marín.
O cadáver estaba irrecoñecible, de modo que non se pode establecer con seguridade a identidade da persoa falecida. Si se puido comprobar que se trata dun home, pero será necesario realizarlle a autopsia para a súa correcta identificación.
O corpo apareceu sobre as 12.50 horas deste martes na subida ao lago de Castiñeiras en Figueirido no interior dun vehículo Mercedes 280 propiedade do veciño de Cangas Víctor Manuel M.G., de 46 anos.
A irmá deste veciño de Cangas denunciou hai unha semana a súa desaparición en Marín indicando que tamén faltaba o coche, así que a principal hipótese que se manexa é que o falecido é este home, pero aínda non se pechou a investigación. A desaparición denunciouse na Comisaría deste Corpo o pasado 30 de agosto.
O cadáver foi localizado por dous ciclistas do club Tiramillas, que relataron a PontevedraViva que subían en dirección ao lago de Castiñeiras e, xusto antes de chegar, viron un coche nunha pista sen saída. Faltaban uns minutos para as 10.30 horas e resultoulles estraño, de modo que se achegaron. En canto chegaron ao pé do vehículo xa viron un corpo dun home nun elevado estado de descomposición.
Foi, segundo relatan, "bastante desagradable" e inmediatamente chamaron ao Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 para alertar do ocorrido. Coas indicacións dos dous cicistas, pouco despois, chegaron ao lugar axentes da Policía Nacional, ante o convencemento de que o coche estaba no termo municipal de Marín, pero máis tarde púidose comprobar que a zona pertencía xa a Vilaboa, de modo que se fixo cargo a Garda Civil.