Piden colaboración veciñal para localizar os responsables de envelenar gatos en Vilagarcía
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía de Arousa pide a colaboración dos veciños para atopar aos responsables do envelenamento de varios gatos que apareceron mortos nos últimos días en Sobradelo. Os feitos foron denunciados pola asociación de veciños da parroquia e a administración local lembra que se trata dun acto delitivo que está tipificado por lei e sancionado con fortes multas económicas.
A concelleira Tania García censura calquera tipo de maltrato animal e lembra que o Concello de Vilagarcía puxo en marcha hai uns meses unha campaña de control das colonias de gatos que viven libres nas rúas e parroquias de Vilagarcía.
Trátase do protocolo CES (captura, esterilización e solta) posto en marcha polo Concello de Vilagarcía, a asociación protectora de animais e o colectivo Callejeritos co obxectivo de manter en niveles sostibles a poboación de gatos no municipio.
O protocolo consiste en que Callejeritos se encarga de atrapar aos gatos de rúa que viven en liberdade. Os animais trasládanse ás dependencias municipais de Pinar do Rei onde o veterinario da protectora de animais -entidade xestora do refuxio de animais municipal- realiza as intervencións de esterilización independentemente do sexo do animal. Desde que se puxo en marcha, xa se superan os 50 gatos esterilizados.
O protocolo CES é un sistema que se está aplicando noutras cidades de España onde a elevada proliferación de gatos salvaxes nos centros urbanos estaba a provocar problemas. Un dos casos máis significativos é o de Madrid.