Os alumnos máis madrugadores chegan ao campus de Pontevedra
Por Redacción
Aínda que neste primeiro día de setembro foron varios os alumnos que se achegaron ata A Xunqueira a completar diversos trámites ou a coñecer os centros nos que se formarán, non será a ata a vindeira semana cando as aulas do campus pontevedrés comecen a encherse de estudantes.
De feito, tanto as facultades de Ciencias da Educación e do Deporte e Fisioterapia como a Escola de Enxeñaría Forestal programaron para o vindeiro luns os seus actos de benvida ao estudantado de novo ingreso, mentres que Ciencias Sociais e da Comunicación farao o xoves 8 e Belas Artes completará unha semana de presentacións recibindo o venres 9 ao alumnado que inicia os seus estudos no presente curso.
Un curso no que, como salienta o vicerreitor Juan Manuel Corbacho, o campus traballará "na consolidación do seu proxecto de especialización, CREA S2i".
Tras a aprobación no mes de xuño da memoria do programa de doutoramento que se prevé implantar no 2017/2018 e que se atopa á espera de obter a acreditación da ACSUG, traballar por dar "un maior pulo ás áreas de investigación e emprendemento" dentro do proxecto de especialización constituirá un dos obxectivos centrais deste ano académico, xunto con dar continuidade ao proxecto Green Campus.
Do mesmo xeito, entre as cuestións sinaladas para este curso que comeza sitúase tamén a acreditación que nos próximos meses deberán superar tanto o grao en Fisioterapia como os tres que se imparten en Ciencias da Educación e do Deporte. "Para nós é un tema prioritario, como tamén o é seguir fomentando a colaboración entre facultades e buscar unha maior visibilización do campus e do atractivo das súas titulacións na cidade e na súa contorna", engadiu Corbacho.