O sector turístico lembra que a súa rendibilidade aínda está afastada da media nacional
Por Oskar Viéitez
O presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González, celebrou os datos de record que está a reportar este verán con "unhas cifras moi positivas que referendan o traballo realizado polo sector e a boa sintonía coa administración pública" aínda que, matiza, "non debemos perder de vista un dos nosos cabalos de batalla, a rendibilidade, afastada aínda da media nacional e que, aínda que mellorou, non alcanza para falar dun sector competitivo".
Francisco González apunta que "terán que pasar varios anos para amortizar as perdas sufridas durante a crise". Durante ese tempo o sector "soubo adaptarse á situación e baixar prezos que agora están no camiño da recuperación".
Unha mellora na rendibilidade que se estende a toda a cadea de valor do turismo en Galicia e na que "debemos seguir traballando".
Unhas excelentes condicións meteorolóxicas unidas aos problemas de inseguridade noutros destinos europeos e internacionais traducíronse tamén nunha maior chegada de turistas estranxeiros que representaron no mes de xullo un 18% do total, procedentes especialmente de Portugal, Francia e Reino Unido, segundo os datos recollidos en Frontur, ademais dun importante repunte do turismo nacional.
A estes factores podemos unir o efecto chamada do Camiño de Santiago, "o noso gran embaixador", ou o impacto de grandes eventos como La Vuelta ou os festivais musicais, por exemplo, que permitiron incrementar os visitantes de forma directa durante o evento, "pero tamén axudan á promoción internacional todo o ano".
Desde o Clúster Turismo de Galicia consideran que todos estes factores son elementos que contribuíron a este crecemento do destino turístico, que segue mantendo unha excelente relación calidade-prezo "a pesar de que este verán os prezos experimentaron un lixeiro incremento, permitindo mellorar a rendibilidade do sector turístico no seu conxunto".
"O incremento de prezos en hoteis é moi probable que non se traslade na mesma medida ao incremento nin do gasto nin da estancia media, en boa medida porque o perfil do turista cambiou, viaxa máis e máis veces", sinala Francisco González.
"É un turista que consome de forma máis diversa, non só sol e praia, demandando un consumo de actividades máis elevado, especialmente vinculadas con cultura e patrimonio, que é precisamente cara a onde debemos seguir traballando, apostando pola creación de novos produtos turísticos adaptados ás súas necesidades, e sempre desde a óptica da profesionalización e a desestacionalización da oferta", explica o presidente do Clúster, quen asegura que, entre os retos do sector está "xerar máis actividade para consumir en destino, e reforzar o atractivo de Galicia ao longo de todo o ano, ademais de mellorar os ratios de estancia media, que probablemente non ofrezan un incremento significativo".