Querido De Guindos: Son Lores
Por Redacción
Querido De Guindos:
Son Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde dun concello cun grande número de afectados polas preferentes.
Así podería comezar perfectamente unha das vindeiras cartas que sairá do Concello de Pontevedra coa sinatura do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores.
O rexedor solicitará unha reunión co ministro de Economía, Luís de Guindos, para abordar a problemática das participacións preferentes. Farao a través dunha carta na que se identificará como alcalde dun concello cun grande número de afectados por estes productos bancarios tóxicos.
Foi o propio rexedor quen comunicou esta nova a unha representación da Plataforma de Preferentes coa que se reuniu esta tarde no Concello. Indicoulles que a xuntanza co ministro fariase no marco dunha representación institucional da provincia, probablemente integrada por outros alcaldes.
Os representantes dos afectados pedíronlle ao alcalde que no vindeiro Pleno da Deputación se debata unha moción na que se esixa ás entidades involucradas nesta "estafa" e ao Goberno que se devolva a integridade dos aforros dos afectados sen acudir a unha quita. Sosteñen que son aforradores e non inversores, tal e como se recolle en documentación interna elaborada polas caixas de aforro que venderon estes productos así como pola propia Xunta de Galicia.
Os representantes informárono de que seguirán mantendo concentracións na cidade de xeito rotatorio ante os edificios públicos para seguir chamando a atención da cidadanía e das administracións ante esta problemática. Tamén o informaron da manifestación prevista para este sábado, 13 de febreiro, na cidade da Coruña convocada pola Plataforma galega das preferentes. A plataforma de Pontevedra e Marín pon a disposición das persoas interesadas en asistir un autobús que sairá do Recinto Feiral ás 09.15 horas da mañá.
Reunión coa confraría de pescadores de Arcade
A mortandade no banco marisqueiro da Ría de Vigo debeuse á apertura da presa de Eiras nun momento no que estaba a marea baixa
E da reunión cos afectados polas preferentes a otro colectivo moi activo social nos últimos días, os mariscadores de Ponte Sampaio. Lores tamén se reuniu esta tarde co patrón maior da Confraría de Pescadores de Arcade, José Luís Rubianes, e co presidente da Asociación de Naseiros Albedosa de Ponte Sampaio, Antonio Álvarez Freijanes, para abordar a situación da mortandade do banco marisqueiro do fondo da ría de Vigo, que linda coa parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio.
A causa da mortandade debeuse, segundo as afirmacións dos afectados, á apertura da presa de Eiras nun momento no que estaba a marea baixa. A apertura das comportas implicou a baixada de moita auga dulce que provocou a morte dos bibalvos.
Lores comprometeuse a axudar económicamente á Confraría de Arcade cando se trate de achegar materia prima para resementar.