Comeza o curso nos Centros de Maiores de Afundación
Por Redacción
Tras o descanso estival, os centros de maiores de Afundación abrirán de novo as súas portas o vindeiro xoves 1 de setembro. Para o curso 2016-2017 deseñáronse novos programas que teñen como obxectivo potenciar o papel dos maiores na sociedade e crear oportunidades para que as distintas xeracións estean conectadas.
Así, as actividades que se desenvolverán nos edificios da entidade estarán centradas, ademais de no fomento da aprendizaxe ao longo da vida, do benestar físico e do desenvolvemento persoal, na participación activa na sociedade das persoas maiores, a través de programas interxeracionais e de voluntariado social e profesional.
O programa de Afundación "Fálame da emigración", que se puxo en marcha o curso 2015-2016 coa participación de 67 maiores e 461 estudantes, estenderase neste novo período a todos aqueles centros que queiran participar no proxecto, coa incorporación de novos voluntarios que viviron a experiencia da emigración, dentro das propostas de programación para escolares que desenvolve cada curso Afundación.
A iniciativa enmárcase nunha das liñas prioritarias da entidade: a Área de Envellecemento Activo a través de O valor da experiencia, que ten tres obxectivos fundamentais: que as persoas maiores transmitan os seus coñecementos e a súa experiencia persoal e profesional, que os mozos se beneficien do legado das persoas maiores e que a comunidade educativa incorpore novas modalidades de aprendizaxe, favorecendo en todos os casos o diálogo, a cooperación e o entendemento entre as distintas xeracións.
Outra das liñas de actuación é o fomento do voluntariado, tanto de carácter social como vinculado ao aproveitamento da experiencia profesional dos maiores. Deste xeito, os socios dos centros de Afundación poderán participar tamén o próximo curso en experiencias de colaboración con múltiples e diversas iniciativas solidarias e de acción social e cultural.
Así mesmo, a entidade desenvolverá neste período diversas campañas para contribuír a construír unha imaxe social das persoas maiores real e afastada de estereotipos, que reflicta a heteroxeneidade do colectivo e as súas achegas á sociedade.