As consellerías Mar e Sanidade suman esforzos para analizar as biotoxinas mariñas nos moluscos
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, asinaron este mércores un acordo de colaboración e coordinación entre ambos departamentos para realizar análises de toxinas mariñas. O acordo tamén ten por obxecto acadar a máxima colaboración para a transmisión bidireccional da información con respecto a outros contaminantes de natureza microbiolóxica como norovirus e outros de natureza físico-química como dioxinas, metais pesados e hidrocarburos.
Así, a conselleira do Mar fixo fincapé na importancia que supón este acordo para o instituto de Vilaxoán, xa que contempla actuacións que axudan a mellorar a protección da poboación fronte aos riscos asociados ao consumo de moluscos bivalvos, como poden ser por exemplo as toxinas.
O acordo asinado hoxe realízase no marco da Rede Integrada de Laboratorios de Interese en Saúde Pública de Galicia (REDGALICIA), na que están implicadas as consellerías de Sanidade, Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Medio Rural, Economía, Emprego e Industria e Mar co fin de permitir o uso coordinado dos distintos laboratorios destes departamentos e que xeren datos de interese para a saúde pública. Ao abeiro do acordo, para o que a Consellería de Sanidade destina 90.000 euros para os anos 2016, 2017 e 2018, realizaranse arredor de 200 análises anuais.
Para o control do cumprimento deste acordo crearase unha comisión de planificación, seguimento e desenvolvemento composta pola directora do Intecmar e polo director xeral de Saúde Pública e por outras dúas persoas designadas por eles. A vixencia desta colaboración é ata o 31 de decembro de 2018.