Sanxenxo invita os bañistas a convivir coas algas das praias de Major e Montalvo
Por Redacción
Sanxenxo, a través da concellería de Medio Ambiente, decidiu levar a cabo un plan para concienciar aos usuarios das praias da importancia de non retirar as algas e por outra banda conservar os ecosistemas dunares.
En colaboración con SEO Bridlife, con apoio económico da Deputación, poñerase en marcha unha campaña informativa sobre o valor ecolóxico de praias e dunas, que se centrará en Montalvo e Major. O goberno local de Sanxenxo elaborou carteis e dípticos nos que se explican os valores destas praias con presenza de especies protexidas como o "chorlitejo patinegro" ou "píllara das dunas".
Ao mesmo tempo quérense manter as algas na praia para garantir o equilibrio ecolóxico e conservar as zonas nun estado óptimo para a biodiversidade. As algas "non son lixo", segundo apunta a concelleira de Medio Ambiente, Coral González-Haba, "senón que son a base da vida da praia". As algas que chegan á area son o alimento para o ecosistema e reteñen a area que arrastra o vento favorecendo a conservación de praias e dunas.
A retirada artificial das algas provoca unha grave alteración ecolóxica, polo que se seguirá a directriz da Xunta de Galicia na que se insiste na necesidade de evitar a retirada das algas excepto en casos moi determinados. Só se recomenda a recollida de algas secas.
Ao mesmo tempo, desde o Concello fan un chamamento aos usuarios para que non pisen as dunas e non leven cans aos areais de Major e Montalvo.