Son iguais os xenéricos que os fármacos de marca?
Por Redacción
Ás oito desta tarde no Salón de Actos do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra (C/ Echegaray nº 8), terá lugar a presentación do libro Son iguais os genéricos que os fármacos de marca?, escrito polo doutor Pedro Corsino, xefe do Servizo de Oftalmología do CHOP.
Neste libro, Corsino realiza un "estudo da polémica que xurdiu co tema dos xenéricos, analizando opinións moi diversas desde moi distintos ámbitos".
Tamén aborda que é un medicamento xenérico; cal é o sistema que se utiliza para determinar que un xenérico é igual que un fármaco de marca; como se leva a cabo ese proceso que "é un proceso científico longo para poder dicir que dous medicamentos son equivalentes", engadiu.
Outra parte do estudo é a comparación en distintas áreas da medicina, os fármacos con estreito marco terapéutico ou os fármacos de acción local.
A presentación consistirá nunha exposición do doutor Corsino sobre as conclusións do seu estudo e un posterior debate no que o público presente, tanto médicos especialistas como o resto de asistentes en xeral, poderá expoñer as súas dúbidas e opinións sobre o tema.
Ao acto, con entrada de balde, asistirá o presidente do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra, Luís Campos Villarino; a presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo; e membros da xunta directiva de ambas institucións.