150.000 euros para humanizar a travesía Jaime Janer de Marín
Por Redacción
A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investirá preto de 150.000 euros na humanización da travesía Jaime Janer de Marín. Os traballos consistirán na renovación de beirarrúas, na ampliación das redes de abastecemento e saneamento e na instalación e acondicionamento de mobiliario urbano.
A actuación regúlase nun convenio asinado este xoves en Santiago entre a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo.
Este investimento inscríbese no Plan Hurbe, posto en marcha en 2010 pola Xunta de Galicia e que ten un triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas; favorecer a cooperación da administración autonómica e os concellos; e promover o reequilibrio territorial en Galicia. Para conseguilo, o Plan Hurbe inclúe tres programas de actuación: humanización das rúas, urbanización e mellora de espazos públicos; e equipamentos públicos, referidos especialmente aos de carácter cultural e social.