Detido un vilagarcián con antecedentes por roubar 1.000 euros nunha casa e intentar entrar noutra
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Policía Nacional de Vilagarcía de Arousa detivo o pasado venres un veciño desta localidade de 46 anos como presunto autor dun roubo con forza. O home xa fora detido en múltiples ocasións por feitos similares, as dúas últimas este mesmo ano, nos meses de xuño e xullo.
Os feitos que se lle atribúen producíronse o 5 de agosto na rúa Santa Eulalia, cando o agora detido presuntamente accedeu ao interior dunha vivenda tras manipular unha xanela e subtraeu mil euros en efectivo. Ademais, accedeu ao interior doutro inmoble no que estaba a porta aberta, pero non terminou o roubo ao ser sorprendido pola súa propietaria, que se atopaba no interior. Cando foi sorprendido, díxolle á muller que era revisor da auga e a continuación abandonou o inmoble.
Por mor das denuncias presentadas, a Policía Nacional realizou as xestións oportunas e lograron identificar o presunto autor dos feitos, procedendo á súa localización e detención en Vilagarcía. A continuación, foi posto a disposición xudicial e o xuíz decidiu a súa posta en liberdade.