Rouban gasoil, foxen da Garda Civil durante 10 quilómetros e acaban accidentados en Barro
Por Natalia Puga
Dous veciños do Vao, en Poio, de 27 e 28 anos, están a ser investigados pola Garda Civil por unha sucesión de delitos que presuntamente cometeron na madrugada do sábado e que inclúen un roubo de gasoil en Pontecesures, unha fuga policial en Caldas de Reis e unha condución neglixente durante dez quilómetros que acabou cando sufriron un accidente en Barro.
Segundo informou a Garda Civil, trátase de dous mozos cun amplo historial de delitos contra contra a propiedade que agora están a ser investigados como supostos autores dun delito de roubo de 50 litros de carburante e dous delitos contra a seguridade viaria por conducir sen obter nunca o permiso e facelo de forma manifestamente temeraria.
O transcurso dos feitos comezou na madrugada do sábado nunha céntrica rúa de Pontecesures. A Garda Civil tivo coñecemento de que se estaba producindo un roubo de gasoil nun camión estacionado e, posteriormente, de que os presuntos ladróns circulaban pola estrada N-550 cara a Caldas de Reis a bordo dun Ford Escort de cor azul.
A Garda Civil de Caldas montou un operativo nesta localidade para interceptar o vehículo, pero este non se detivo cando os axentes lle deron o alto, senón que se deu á fuga sen respectar os sinais de alto que lle fixeron, empezando aí unha persecución que se prolongou durante os dez quilómetros seguintes.
Durante o tempo que durou a fuga, os dous ocupantes do vehículo fixeron caso omiso dos sinais luminosos e acústicos que lles facía o vehículo policial e mostraron unha condución neglixente e temeraria, poñendo en grave risco aos demais usuarios da estrada.
Finalmente, o vehículo fuxido sufriu unha saída de vía á altura da entrada da localidade de San Antoniño, en Barro. No accidente resultaron feridos leves o condutor do vehículo, o mozo de 28 anos A.J.S., e a copiloto, C.J.J., de 27 anos. Os dous son veciños do Vao e tiveron que ser evacuados polos servizos de urxencias a un centro hospitalario de Pontevedra.
No interior do vehículo atopáronse seis garrafas de plástico de 25 litros cada unha e dúas delas estaban cheas de gasoil que se puido comprobar fora subtraído no camión de Pontecesures. Tamén levaban unha mangueira, un desaparafusador, unha navalla e un bastón de madeira.
A Garda Civil comunicoulle que pasaban á situación procesual de investigados e as dilixencias foron remitidas ao Xulgado de Instrución número 1 de Caldas de Reis, onde deberán comparecer cando sexan requiridos.