Fiscalía pide 9 anos de prisión para un veciño de Lalín que intentou matar a súa ex esposa
Por Oskar Viéitez
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para este martes 19 de febreiro un xuízo contra un veciño de Lalín acusado de tentativa de homicidio.
Pese a estar divorciados, o acusado Manuel M.G., de 45 anos, seguía vivindo coa súa ex muller, con quen tiña cinco fillos en común.
Segundo a fiscalía "non houbo nesa convivencia episodios de malos tratos nin violencia física nin psicolóxica cara a ela pero o procesado presentaba o ánimo deprimido", ameazando con suicidarse en varias ocasións, mantendo unha "actitude choromiqueira, deprimido e desesperado pedíndolle que o intentasen de novo", ao que ela non quería, negándose tamén a manter relacións sexuais.
Dicíndolle "síntoo moito cariño pero teño que matarte" asestoulle dúas coiteladas
O día dos feitos, o martes 30 de decembro do ano 2008, ambos levaron a un dos seus fillos a O Carballiño, na viaxe de regreso a Lalín pararon nun ramal da antiga estrada N-525 pedíndolle o acusado que chamase por teléfono "ao seu novo amigo", poñéndose Manuel ao teléfono e dicíndolle que se non a coidaba e a deixaba tirada, "búscoche onde sexa".
Ao colgar a comunicación, Manuel sacou un coitelo de cociña cunha folla de 6 centímetros que levaba na chaqueta e dicíndolle "síntoo moito cariño pero teño que matarte" asestoulle dúas coiteladas, no ombreiro e nunha axila.
A muller empezou a gritar polo que Manuel tapoulle a boca coa súa man, sentouse encima dela, soltou o coitelo e agarrouna polo pescozo coas dúas mans intentando asfixiala.
Tras esa acción e ao perder o coñecemento, o acusado meteu á muller no automóbil e levouna ao ambulatorio de Lalín e desde alí foi trasladada ao servizo de urxencias do clínico de Santiago.
Por estes feitos o Ministerio público pide nove anos de prisión por un delito de homicidio en grado de tentativa e a prohibición de achegarse a menos de 500 metros a súa ex esposa por 12 anos. En concepto de indemnización solicita algo máis de 5.000 euros.