Unha acoitelada sobre o seu marido: "no lo voy a denunciar de ninguna manera porque no es culpable"
Por Natalia Puga
E.S.A.D. recibiu o 30 de decembro de 2009 dúas coiteladas e permaneceu cinco días no hospital. Ante a Garda Civil e o Xulgado de Instrución asegurou naquel momento que foi vítima do seu marido, que lle cravou dúas veces un coitelo de cociña tras dicirlle: síntoo moito cariño, pero teño que matarte. Tres anos despois, o seu presunto agresor sentábase no banco dos acusados por estes feitos e negou que pasasen tal e como sostén a Fiscalía. Ela falou na mesma liña e asegurou que o seu marido é inocente e que as declaracións que poñen na súa boca gardas e fiscal non se corresponden coa realidade. "No lo voy a denunciar de ninguna manera porque no es culpable", asegurou.
O home, Manuel Machado, está acusado dun delito de homicidio en grao de tentativa. Segundo a súa muller e presunta vítima, non só non intentou matala, senón que os feitos nos que ela resultou ferida foron, en realidade, un intento de suicidio do seu marido e que ela "me metí en su camino" para evitalo. Así, asegura que unha das coiteladas se produciu cando ela intentou evitar que el se cravase o coitelo para suicidarse e que a segunda foi porque caeu enriba da citada arma branca.
Esta tese do intento de autolesión levouna á sala o propio acusado, que na súa declaración indicou que "quería quitarme la vida, me derrumbé y me sentía una mierda, cogí el cuchillo de la cocina porque quería suicidiarme" ao sospeitar que a súa muller o enganaba con outro home. "Cogí el cuchillo, quería retenerla a mi lado de la manera que fuera, le dije me voy a matar", indicou, ao que"ella intentó agarrarme el cuchillo con la mano, se me echó encima, hubo un forcejeo". Tan só máis tarde, cando xa cesou no seu empeñou e abrazou a súa muller, que estaba tirada no chan, viu que estaba a sangrar e xa intentou metela no coche e levala a que a cuidadasen.
O home sostén a súa inocencia de que non quixo matar a súa muller alegando, asismismo, que"llevaba matando cerdos desde los 16 años, si quisiera hacerlo, lo hubiese hecho". "Yo no traté de matar a mi mujer", respondeu tallante. Ela tamén negou outro dos extremos de acusación da Fiscalía, que el lle rodeou o colo para deixala sen respiración: "no me intentó asfixiar". E asegurou que ela tamén sabía matar porcos, de tal forma que "si yo supiera que tenía esa intención (de matala), hoy estaba yo ahí (sinalando o banco os acusados) y él en el cementerio".
Dous dos cinco fillos da parella, natural de Lalín, tamén sostiveron a inocencia do seu pai. Unha filla chegou a indicar que a súa nai "nunca quiso denunciar" e que dende os Servizos Sociais "incitaron a mi madre a denunciar a mi padre porque iba a a tener ayudas como mujer maltratada". O seu fillo confirmou que naqueles días nos que sucederon os feitos notou o seu pai "deprimido" e que na convivencia dos seus pais nunca houbo violencia nin ameazas.
A parella continuou a convivencia unha vez que o verán pasado venceu a orde de afastamento que pesaba sobre o home e, segundo indicou a presunta vítima, están a planear volver casar. A pesar disto e de que a muller non acusa o seu presunto agresor, a fiscal do caso non dá por bo este xiro no caso. Tras o xuízo celebrado na Sección Cuarta de la Audiencia de Pontevedra, mantivo a acusación contra Machado por intento de homicidio.
ÿ máis, a fiscal incluíu no seu escrito de acusación que nestes feitos concorre a circunstancia agravante de parentesco e segue pedindo que o procesado sexa condenado a nove anos de cárcere e non poida achegarse á súa suposta vítima nin comunicarse con ela durante doce anos. Retirou a petición de que pague unha indemnización á súa muller porque ela renunciou a reclamar ningún dano. O xuízo quedou visto para sentenza.