Máis claro, auga
Por Redacción
A campaña 'Máis claro, auga' da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio chegou este venres á cidade de Pontevedra para concienciar aos cidadáns sobre a necesidade de facer un consumo responsable deste recurso natural. En contra do que se poida pensar, en Galicia non sobra a auga e a Xunta insiste en que é importante que cidadáns e administracións asimilen esta realidade e compartan a preocupación.
Desde primeira hora da mañá instalouse na praza da Peregrina un expositor informativo no que se deron consellos para o aforro de auga e se distribuíron redutores de caudal. Ao longo da mañá recibiu a visita da secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, que aproveitou para indicar que o obxectivo primordial desta iniciativa é informar aos cidadáns de como pode contribuír ao aforro de auga no seu día a día.
A secretaria territorial incidiu en que hai pequenas accións que axudan a un consumo responsable e que son tan sinxelas como revisar que as billas pechen ben, lavar os dentes ou fregar a louza coa billa pechada, pechar a chave de paso en períodos nos que se deixa de usar a vivenda habitual ou instalar dispositivos de aforro de auga.
Ao respecto, defendeu que é importante non desperdiciar o recurso porque supón un aforro importante de cartos para familias, garante a dispoñibilidade de auga a medio prazo e é vital para a preservación dos hábitats e ecosistemas fluviais.