Tres feridos, dous deles menores, na colisión de dous coches en Cambados
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Tres persoas, dúas delas menores de idade, resultaron feridas este mércores nun accidente de tráfico rexistrado a media mañá na parroquia de Corbillón, en Cambados.
Segundo informou o Centro de Atención de Emerxencias de Galicia, o accidente produciuse sobre as 11.20 horas deste mércores cando dous vehículos circulaban pola mesma estrada en Corbillón e, por causas que aínda se descoñecen, chocaron por alcance.
Como froito da colisión, segundo informou Emerxencias de Cambados, resultaron feridos o copiloto dun dos coches, maior de idade, e dous nenos menores que circulaban no outro vehículo. Os tres foron atendidos xa no lugar do accidente por Urxencias Médicas de Galicia 061 e posteriormente trasladados en ambulancia ao Hospital do Salnés.
O 112 alertou e pediu a colaboración de axentes da Policía Local de Cambados, a Garda Civil de Tráfico, os Bombeiros do Salnés e Protección Civil de Cambados.