Os socialistas esixen retirar unha das probas da oferta pública de emprego do Concello
Por Redacción
O PSdeG-PSOE vén de denunciar a inclusión entre os exercicios da oferta de emprego publico do Concello dunha proba obrigatoria e eliminatoria que consideran "absolutamente inadmisible" tanto legal como moralmente.
Trátase dun exercicio que, segundo os socialistas, atenta contra principios constitucionais como o dereito á intimidade e está baseada ademais en valoracións sobre cuestións que non son medibles obxectivamente "polo que se presta a dubidosas interpretacións".
Así, nesta proba cualificada como psicotécnica se pretenden avaliar cuestións como "a comprensión realista do ambiente social dos grupos de traballo, a comprensión de ordes ou razoamento cognitivo, a estabilidade emocional, a capacidade empática, o control da impulsividade ou existencia de niveis de estrés" entre outras.
Para o voceiro do PSdeG-PSOE é "moralmente inaceptable" que a administración analice aspectos da vida das persoas condicionando a súa capacidade para o desempeño dun posto de administrativo a cuestións como a empatía ou a impulsividade e, segundo denuncia Agustín Fernández, este método de selección "descartouse hai mais de 20 anos por inútil e sesgado"
Unha persoa que supere as catro probas anteriores (exame tipo test, exame do temario, caso practico e galego) "pode verse eliminado porque alguén considera que é demasiado impulsivo ou que non empatiza o suficiente", aseguran desde as filas socialistas.
"Parece unha versión disfrazada da entrevista persoal, que se utiliza para colocar á persoa que se desexa" afirmou Tino Fernández. Unha proba que, engadiu, racha cos principios de igualdade, mérito e capacidade e permite interpretacións subxectivas.
"Non queremos pensar que o goberno do BNG queira influír en quen debe aprobar ou non pero a sensación que se dá con esta proba non é moi positiva", aseguran os socialistas, que presentarán unha moción no pleno do mes de agosto para que se modifiquen as bases e se retire este exercicio.