O PP esixe que o Concello se sume aos programas de inclusión social da Xunta
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Os populares esixen ao BNG que a cidade de Pontevedra se sume aos programas e subvencións que a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Política Social, establece para a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión, e cuxas bases reguladoras quedaron establecidas o pasado 4 de xullo.
"Pontevedra é a cidade española con menor gasto social por habitante, polo que faise necesario tomar medidas urxentes neste sentido", sinalou este luns a concelleira popular, María José Rodríguez Teso, quen lembrou ademais que o peso do gasto social nos orzamentos do Concello de Pontevedra viuse reducido en case un punto dende o ano 2011.
Os populares realizan esta solicitude a través dunha moción que se debaterá no vindeiro pleno municipal e na que tamén reiteran a necesidade de recuperar o equipo de inclusión social que se suprimiu hai xa cinco anos.
"É necesario que se volva a implantar este servizo para poder atender axeitadamente todas as demandas dos veciños de Pontevedra no ámbito dos servizos sociais", apuntou a concelleira popular, para a que o BNG "non pode seguir mirando cara a outro lado".