Sufocan un incendio forestal que queimou 1.000 metros de terreo en Cambados
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Efectivos do servizo de prevención e extinción de incendios e salvamento de Cambados (Emerxencias Cambados), Protección Civil de Vilanova de Arousa e os servizos de extinción da Xunta de Galicia sufocaron este sábado un incendio forestal na parroquia de Corbillón que xa queimara 1.000 metros de superficie de monte raso.
Todo ocorreu á primeira hora da tarde no lugar de Río da Ucha, na parroquia de Corbillón e, segundo Emerxencias Cambados, o lume logrou controlarse antes de que chegase a afectar a unha zona arborizada próxima, de modo que as consecuencias foron moito menos graves das previsibles.
Os efectivos de Emerxencias Cambados lograron controlalo e sufocalo, pero logo tamén interviñeron voluntarios de Protección Civil da próxima localidade de Vilanova e unha cuadrilla e un camión dos servizos de extinción da Xunta de Galicia, que realizaron as últimas tarefas, incluíndo regar o perímetro para evitar que as chamas se reavivasen.