Rouba un kart a pedais de aluguer e diríxese ao Vao circulando drogado e en sentido contrario
Por Natalia Puga
Axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra atopáronse este venres cunha imaxe sorprendente na contorna do poboado chabolista do Vao. Deron o alto a un home que circulaba a bordo dun cuadriciclo tipo kart a pedais en sentido contrario ao indicado para a vía e comprobaron que ía baixo os efectos das drogas e que, ademais, o curioso vehículo era roubado.
O condutor resultou ser un veciño de Vigo de 40 anos que responde as iniciais C.I.G. e que pouco despois das dúas da tarde achegouse ao poboado do Vao presumiblemente a adquirir sustancias estupefacientes, aínda que este extremo non conta con confirmación oficial.
Pouco tempo antes, o home achegárase á tenda de aluguer de vehículos a pedais instalada na praza de España de Pontevedra, nas proximidades da antiga Casa Consistorial e da Subdelegación do Goberno, e roubara o vehículo en cuestión.
Cando se dirixiu cara ao Vao, foi interceptado por unha patrulla de Tráfico, que o viu circulando en sentido contrario e decidiu paralo. Tras comprobar o estado que presentaba, os axentes optaron por someterlle a un test de consumo de drogas e comprobaron que daba un resultado positivo.
Por todos estes feitos, ao home comunicóuselle que pasou á condición de investigado por furtar o cuadriciclo. Tras comunicarlle a súa nova situación, quedou en liberdade á espera de comparecer ante o Xulgado de Garda cando sexa requirido.
Ademais, enfrontarase a dúas sancións administrativas por condutas relacionadas coa seguridade viaria, por circular en sentido contrario un vehículo que non é a motor (se fose a motor sería delito, así non) e por facelo baixo a influencia de sustancias estupefacientes