O sector da madeira recupera fortaleza, con ENCE como peza "importante", pero non a clave
Por Natalia Puga
A industria da madeira e do moble de Galicia facturou no último ano sobre o que hai estudos, 2015, un total de 1.941 millóns de euros, cifra que supón un incremento do 11,2 por cento respecto dun ano antes e un termómetro que revela que o sector está nun período de fortaleza tras a crise económica. De feito, o volume de curtas de madeira con destino industrial tivo ese ano o mellor rexistro desde 1996 e xa está por encima do ano crave na recesión, 2008.
As cifras son resultado dun informe de resultados da industria elaborado pola Escola de Enxeñaría Forestal do campus de Pontevedra e a confederación galega de empresarios do a madeira (Confemadera Galicia) e representantes de ambos os organismos presentáronas este xoves nunha comparecencia ante os medios na que a pregunta obrigada era preguntar o papel que desempeña no volume de negocio do sector a empresa Ence e a súa fábrica de pasta de papel de Lourizán. Juan Picos, secretario e profesor da Escola de Enxeñaría Forestal, explicouno de forma moi gráfico recorrendo a unha expresión italiana e musical: a pasteira é importante, "ma non troppo" (pero non demasiado).
"El sector se sostiene entre todos", indica, e, a modo explicativo, indica que Ence é un importante consumidor dunha especie de madeira que se exporta bastante, o eucalipto, pero "es uno de ellos, hay más consumidores" e necesita a outras pezas que compoñen o sector, como as empresas que cortan a madeira, aos propietarios e a toda unha industria que forma, entre todas as súas pezas un armazón complexo. "¿Qué parte de la red aguanta al sector? La aguanta toda".
O que interesa a calquera sector en calquera país é ser un sector completo. No caso da madeira en Galicia, Ence é a única fábrica de pasta, de aí a súa importancia. "¿Es importante? Obviamente, porque es un engranaje más de la máquina", indica Juan Picos, pero tamén avisa de que "probablemente no funcionaría si no funcionasen otras empresas en otros subsectores".
O papel que poida desempeñar a pasteira con sede en Lourizán non figura, de todos os xeitos, no informe sobre o que versou a comparecencia, que incide noutros datos como, por exemplo, que no ano 2015 todas as actividades industriais da cadea de valor da madeira incrementaron a súa actividade e unha cifra máis gráfica sobre o seu impacto na economía do cidadán do montón: máis de 80.000 familias percibiron rendas pola venda de madeira no último ano, sumando un total de case 300 millóns, un 14% máis que en 2014. E o sector xera 70.000 postos de traballo en Galicia, entre directos (20.000) e indirectos.
A industria divide a súa facturación en dous subsectores, o de primeira transformación (rematantes, serradoiros, taboleiro e pasta), que creceu un 12% no ano 2015, situándose en 1.555 millóns de euros e consolidando a súa fortaleza en Galicia, e o da segunda transformación (por falar xenericamente, os mobles), que sumou unha facturación de 386 millóns de euros, un 7,8% máis que en 2014.
Durante o ano do estudo bateuse o récord de curtas con destino industrial ao ascender a 8,25 millóns de metros cúbicos, sendo especialmente importante o crecemento do eucalipto (19%), e as plantas frondosas (7,5%). Resulta destacable que por sétimo ano consecutivo o eucalipto representa máis do 50% das curtas realizadas.