Falece Armando Couselo, alcalde de Poio ata 1995
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
Armando Couselo Soto, alcalde de Poio entre 1987 e 1995, faleceu nas últimas horas no seu domicilio de Pontevedra. Así o desvelou o Partido Popular, formación política á que pertencía, nun comunicado no que traslada á súa familia o pesar dos afiliados e dos simpatizantes do partido no municipio pola súa morte.
Coñecido popularmente como Manduco xa fora alcalde de Poio na época pre democrática, concretamente entre os anos 1970 e 1979.
Armando Couselo é, segundo recorda o PP, unha figura "indispensable" para entender o pasado recente de Poio e a evolución da agrupación local do partido. Destacaron que foi durante os seus mandatos que a formación conseguiu a cohesión entre os votantes de centrodereita do municipio e ampliar a súa base social.
Foi un firme defensor das teses que sitúan en Poio a orixe do descubridor de América, e segundo recordan os populares, foi en 1992, durante a súa administración, cando se plantou no Castrove o Bosque de Colón, o maior bosque de sequoias de Europa.
Ademais, o PP recorda que durante os seus mandatos construíronse na vila infraestruturas como os centros de saúde de Combarro e Anafáns, o instituto de Poio, varios colexios ou executouse as ampliacións dos peiraos de Campelo e Combarro.
O seu substituto na Alcaldía foi en 1995 o actual rexedor de Poio, Luciano Sobral (BNG).