Tes unha pregunta para o alcalde? Faina por Facebook
Por Redacción
O goberno local de Ponte Caldelas responde vía Facebook, ou polo menos farao aproveitando a estrea da rede wifi gratuíta da Casa da Cultura.
Con esta escusa convocaron un encontro dixital o vindeiro venres, día 22 de xullo, no que estarán presentes os máximos representantes das tres forzas políticas que forman o grupo de goberno, como son o alcalde Andrés Díaz (PSOE), o tenente de alcalde Alfonso Gutiérrez (AVP) e Lito Muiños (BNG).
Desde a propia Casa da Cultura e aproveitando a nova conexión responderán as preguntas que os veciños lle realicen a través desta rede social entre as 20:00 e as 21:00 horas.
A rede instalada na Casa da Cultura de Ponte Caldelas ten un ancho de banda de 10 megas, dando cobertura aos usuarios deste centro e da biblioteca. Ademais será posible conectarse desde o exterior do edificio.