Gardas con extintores e veciños con cubos de auga sufocan un incendio nunha casa de Cambados
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A colaboración entre a Garda Civil de Cambados e os veciños da contorna da rúa Rosalía de Castro desta localidade permitiu este mércores sufocar o incendio iniciado nunha vivenda sen que as chamas se escapasen do control. A continuación, efectivos dos Bombeiros do Salnés realizaron as últimas tarefas necesarias no inmoble.
Todo ocorreu ao redor das 12.15 horas deste mércores nunha vivenda unifamiliar de dúas plantas do número 31 da rúa Rosalía de Castro. Por causas que se descoñecen, empezou un incendio nun trasteiro cheo de roupa e outros efectos de tea e, cando foi consciente diso, a propietaria alertou os servizos de emerxencia.
Os axentes da Garda Civil foron os primeiros en chegar ao lugar e controlaron as chamas utilizando os extintores dos seus vehículos oficiais, á vez que procederon a desaloxar o inmoble e axudaron a saír a unha persoa de avanzada idade con dificultades de movemento. Pero a intervención inicial non foi suficiente e as chamas reaviváronse, de modo que se pediu a colaboración dos veciños da zona.
A extención complicouse porque se cortou a subministración eléctrica da casa e o abastecemento de auga se realizaba a través dun pozo bombeado cun motor. Para suplir a ausencia de auga corrente no inmoble, os veciños e os axentes formaron unha cadea humana e foron levando cubos de auga ata a casa para sufocar o incendio.
Á chegada dos Bombeiros do Salnés, as chamas xa estaban sufocadas, pero foi necesario que realizasen outras tarefas complementarias, entre elas, medicións do aire para comprobar que os habitantes da casa puidesen regresar ao interior, airear toda a vivenda e refrescar o trasteiro para evitar que as chamas se reproducisen.