Éxito do Vaibús en Vilagarcía, con 155 abonados nos primeiros quince días
Por Redacción
155 abonados en apenas quince días de funcionamento. É o balance que fan desde o Concello de Vilagarcía do servizo Vaibús, que permite un uso ilimitado do transporte público do municipio mediante o pagamento dunha tarifa plana.
Os responsables da empresa Transportes Pereira, responsable deste servizo, consideran esta cifra como moi positiva e máis tendo en conta as expectativas futuras creadas polas decenas de persoas que xa acudiron a solicitar as tarxetas para darse tamén de alta.
O Vaibús é unha iniciativa promovida pola área de Mobilidade do Concello coa colaboración desta empresa co obxectivo de promover a utilización do transporte colectivo en detrimento dos vehículos privados para os desprazamentos urbanos.
A medida pretende mellorar a mobilidade na cidade a reducir o número de vehículos circulando polas rúas. Para animar á xente a usar o autobús urbano, estableceuse un abono mensual que por 20 euros permite o uso ilimitado deste medio de transporte.
Para solicitar as tarxetas, os interesados deben dirixirse ás oficinas municipais de Turismo ou da empresa Pereira.
A posta en marcha da tarxeta de transporte urbano foi posible grazas ao convenio entre o Concello e a empresa concesionaria.
Cunha achega inicial do Concello de 25.000 euros anuais creouse esta tarifa plana de 20 euros mensuais. O Vaibús será válido para calquera das liñas sobre as que ten concesión Pereira: Carril - Vilagarcía - Vilaxoán - O Rial; Vilaxoán por Ferrazo - Vilagarcía; Vilagarcía a Cornazo, Trabanca Sardiñeira, Guillán, Renza, Bamio-Pedroso, Trabanca Badiña, A Torre e Galáns.
Como complemento ao acordo de posta en marcha do Vaibús, concello e empresa pactaron tamén outra mellora no servizo.
Consiste en que durante os meses de xullo e agosto as liñas Vilagarcía - Carril e Vilagarcía - Vilaxoán por Vilaboa, e regreso, funcionarán ata a 01:00 horas da mañá. Pola súa banda, os días 23 de xuño (San Xoán), 15, 16, 22, 23 e 24 de xullo (Virxe do Carme e Santiago Apóstol) e 12, 13, 19 e 20 de agosto (festas de San Roque), as mesmas liñas funcionarán ata as 03:00.
Por último, e con carácter experimental, Pereira asumiu o reto de que as liñas principais, de Bamio-Carril e Vilaxoán a Vilagarcía estean na cidade antes das 8 da mañá, de xeito que favoreza o transporte daqueles que traballan no centro poidan evitar o uso do coche.
Relacionadas:
-
O Vaibus Plus comezará a funcionar a mediados de maio con sete servizos diarios de ida e volta ao Hospital do Salnés
Por Oskar Viéitez |
-
O primeiro semeste do VaiBús! sáldase con 474 usuarios da tarxeta de transporte público
Por Redacción |
-
Xa está operativo o Vaibike, o servizo municipal de bicicletas de Vilagarcía
Por Redacción |