![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/a3b/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjawUqrKz891Lsov0DGzMN_/_AxNjDQSU7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/578e6455d0-g2.jpg)
© DUVI
Enxeñaría Forestal convértese na primeira facultade pontevedresa con selo Q de Calidade
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
A Escola de Enxeñaría Forestal acaba de conseguir o selo Q de Calidade, un distintivo co que a Universidade premia a aqueles centros que demostraron a súa aposta e compromiso coa excelencia. Pasa a ser o primeiro centro do campus de Pontevedra con este recoñecemento.
Segundo informou o Duvi da Universidade de Vigo, o equipo directivo da escola recibiu este martes o recoñecemento do reitor, Salustiano Mato; o vicerreitor, Juan Manuel Corbacho, e os responsables da área de apoio á docencia e calidade, nunha xuntanza na que Mato destacou que a Q de Calidade é "un fito máis nesta pelexa por seguir destacando este tesouro que temos no campus de Pontevedra" e un paso "importante" para a escola.
Os responsables do centro recibiron do reitor a certificación da implantación do seu sistema de garantía interna de calidade, concedida recentemente pola comisión avaliadora da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, Acsug. No acto de entrega, Mato trasladoulle o "relevante papel" que a escola vai xogar no programa de doutoramento do Campus Crea, así como en todo o relativo á Área de Transferencia e aos diálogos co sector empresarial.
A Q de calidade outórgase a aquelas unidades que conseguiron certificacións e acreditacións de calidade como resultados de procesos de avaliación externa realizados por entidades acreditadas ou recoñecidas. A partir de agora, a escola poderá utilizar o selo en toda a documentación ou información pública institucional relacionada cos ámbitos aos que se outorgou: páxinas web, documentación institucional, soportes ou folletos promocionais, material de papelaría e mensaxería
O responsable da área de apoio á docencia e calidade, Xosé María Gómez Clemente, indicou que este é o noveno centro da Universidade de Vigo que acada a certificación mentres que o director da escola, Enrique Valero, aproveitou a xuntanza para agradecer ao equipo de goberno da Universidade e a Área de Calidade todo o apoio recibido durante o proceso de acreditación, así como a todo o persoal do centro.