O xogo das agachadas chega á sala de espera de Radioloxía Pediátrica do Hospital Provincial
Por Redacción
O proxecto de humanización posto en marcha no ano 2013 pola Estrutura de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés segue avanzando e por terceiro ano consecutivo conta coa colaboración do alumnado da facultade de Belas Artes. Unha alumna de doutoramento realizou unha nova intervención artística no Hospital Provincial de Pontevedra.
A actuación enmárcase no acordo de colaboración subscrito entre a Xerencia de Xestión Integrada e a Universidade de Vigo para a humanización de espazos neste centro sanitario e levouse a cabo na sala de espera de Radioloxía Pediátrica, na que recreou cos seus deseños o xogo das agachadas nuns vinilos distribuídos ao longo das paredes.
A autora do proxecto é Manuela Elizabeth Rodríguez, cuxo nome artístico é 'Molita'. Esta é a primeira vez que unha alumna de doutoramento participa na humanización do Hospital Provincial de Pontevedra, o que achega un valor engadido á súa proposta.
Membros da xerencia visitaron este martes o espazo, acompañados do director do programa de doutoramento de Belas Artes, Juan Carlos Meana, e da autora da obra, para comprobar o resultado final. 'Molita' explicoulles durante a visita esta nova intervención artística e indicou que, partindo do tempo que agardan os cativos neste espazo para a realización da proba correspondente, decidiu recrear o xogo das agachadas dun grupo de nenos, abrindo un espazo ficticio de árbores que se superpón á realidade da sala de espera. De aí que o título escollido para o seu proxecto fose 'Xogar a esperar'.
"Dende os primeiros bosquexos comezaron a xurdir personaxes que interactuaban co espectador, asomando polas ventás ou agochándose detrás das portas. Posteriormente, o proxecto evolucionou ata dar lugar a un grupo de nenos que se mimetizan co contorno, polas súas cores tenues, xogando ás agachadas", explicou. O seu obxectivo era xerar unha sensación de maior espazo na sala.