A Deputación achega 60.000 euros ao concello da Lama para melloras de pavimentos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra, na Xunta de Goberno, vén de aprobar unha achega económica de 60.389,85 euros para o concello da Lama, que se destinará para os muros de sostemento e pavimentación no Camiño das Chozas. Trátase dunha axuda enmarcada na liña 1 de investimentos do Plan Concellos 2016, que o ente provincial desenvolve ao longo deste ano.
Esta contía súmase a outras xa aprobadas ao abeiro desta liña 1 do Plan Concellos, por un importe global de 119.546,06 euros para o ensanche e mellora de pavimentos e drenaxes en Barcia de Seixo, a reforma do parque infantil en Verducido e a dotación da iluminación pública no polígono industrial.
Dentro da liña 3 –actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais- a Deputación xa ten destinado este ano á Lama un total de 17.169,19 euros para actividades da Semana Cultural 2016. Así mesmo, destináronse 60.000 euros na liña 2 para amortización de débedas e outros 87.539 euros na liña 4 para a contratación de 14 traballadores municipais.
No que vai de ano, a Deputación leva aprobado o 75,2% do total destinado á Lama para o Plan Concellos 2016, o que supón un investimento no municipio ata o momento de 344.644,38 euros.