Ingresa en prisión o 'gorrilla' detido por acoitelar seu irmán dentro da Comisaría
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 2 de Vilagarcía decretou este venres o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza do veciño desta localidade detido por presuntamente acoitelar ao seu irmán no interior da Comisaría.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o home ingresou en prisión investigado por un delito que aínda está por determinar, pero que sería, en todo caso, un homicidio en grao de tentativa ou un delito de lesións agravadas, ao ser a vítima o seu irmán.
O home foi detido sobre as 10.00 horas da mañá deste xoves. Tanto el como o seu irmán realizaban habitualmente tarefas de 'gorrillas' aparcando coches na zona situada nas inmediacións da Comisaría e os xulgados de Vilagarcía e pola mañá comezaron unha discusión.
Os dous irmáns encerelláronse nunha pelexa na zona na que aparcan os coches e, nun momento dado, un deles fuxiu e refuxiouse na Comisaría, pero non lle serviu de nada, pois o seu irmán seguiuno. A pesar de que estaban no interior da Comisaría, o presunto agresor acoitelou ao seu irmán no pescozo. Nese momento, interviñeron os policías de servizo que estaban nas instalacións policiais, pediron axuda médica para o ferido e detiveron ao agresor.
O ferido foi trasladado en ambulancia ao Hospital do Salnés, onde foi intervido cirurxicamente ao longo da xornada do xoves. O presunto agresor foi arrestado e pasou a noite na Comisaría ata que a última hora da mañá deste venres foi posto a disposición xudicial.