Os veciños dos núcleos do litoral de Marín están a recibir notificacións de apercibemento de derrubo
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
A Axencia de Protección da Legalidade Urbanística da Xunta de Galicia (APLU) está a dirixir notificacións de apercibimento de derrubo á afectados dos núcleos do litoral de Marín.
Segundo informou o grupo municipal do BNG, estas notificacións teñen lugar un ano despois de que a mesma axencia se dirixira á alcaldesa, María Ramallo, até en tres ocasións requiríndolle o informe do Ministerio de Medio Ambiente sobre a delimitación e compatibilidade de núcleos e áreas do concello que á entrada en vigor da Lei de Costas, aínda non estando clasificados como solo urbano, reunían os requisitos para ser recoñecidos como tales.
A última notificación dirixida á alcaldesa ten data de 15 de xuño de 2015 e os servizos de Urbanismo da Xunta de Galicia aínda están esperando hoxe unha contestación.
Os nacionalistas lembran que unha vez recoñecidos os núcleos do litoral de Marín por parte do Ministerio de Medio Ambiente, e despois dunha longa loita política e social, quedaba o trámite administrativo de poñer en coñecemento da Xunta o informe emitido polo servizo de Costas do Estado e do ministerio onde se dicta a orde de rebaixe da liña. "Esta simple comunicación que debe facer o Concello de Marín, despois de catro anos aínda non se realizou", asegura o BNG.
En consecuencia os veciños non poden proceder á legalización das vivendas e a APLU non pode arquivar os expedientes. Por este motivo, algúns afectados, están a recibir notificacións de apertura de expediente con multas coarcitivas ou mesmo con apercibimento de derrubo por falta desa notificación do Concello.
As notificacións dirixidas á alcaldesa están asinadas polo propio director da axencia urbanística da Xunta e nelas afirma que tivo coñecemento a través da prensa da emisión do citado informe do Ministerio de Medio Ambiente. O director lémbralle á máxima responsable municipal a incidencia nos expedientes tramitados dentro da zona de servidume de protección por parte da axencia, pero tal e como denuncia o Bloque, a resposta foi nula.
"Polo visto, hai tempo que para a señora Ramallo os núcleos do litoral de Marín deixaron de ser un tema con rédito electoral e o simple trámite de respostar o requirimento que fai a APLU supón un esforzo demasiado grande para quen está sempre ocupada en actos protocolarios de nula trascendencia para Marín pero con grande rédito persoal", din os nacionalistas marinenses.
O grupo municipal do BNG urxe a alcaldesa a que se envie "sen máis dilación" o informe á APLU e a que se solicite do Ministerio de Medio Ambiente a sinatura da orde de rebaixe da liña de servidume porque os expedientes están a punto de caducar, "o cal suporía outro retraso insoportable para os veciños afectados que non poden dar solución definitiva ao seu problema", conclúen.
Relacionadas:
-
Paso definitivo para consolidar os núcleos do litoral de Marín
Por Redacción |
-
Ethel Vázquez: "Marín foi o concello que mellor soubo xestionar a situación dos núcleos do litoral"
Por Natalia Puga |
-
Respaldo de Costas á consolidación dos núcleos do litoral de Marín
Por Redacción |
-
Concello de Marín e Xunta acordan pedir a Costas a rebaixa da servidume en Casás, Teoira e parte de Loira e Aguete
Por Redacción |