Ponte Caldelas incrementa nun 110% o importe do convenio de apoio ao comercio local
Por Redacción
O convenio anual que o Concello de Ponte Caldelas asina coa Asociación de Comerciantes e Empresarios (Coempo) deu este ano un salto dun 110%. O apoio municipal pasou de 9.000 a 20.000 euros, un incremento que se debe, segundo explicou o alcalde, Andrés Díaz Sobral, a un compromiso real, e non só formal, cun sector clave para o emprego como é o comercio local.
Andrés Díaz e o presidente de Coempo, Jesús Peleteiro Villar, asinaron un acordo que vai permitir aos comerciantes contar con fondos suficientes para a organización de actividades moi relevantes para a dinamización económica do municipio. A asociación empresarial conta cuns 80 asociados e ten unha implantación total non só na Vila, senón en todo o municipio.
O alcalde subliñou que o Goberno local tripartito (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) ten moi claro que "cómpre apoiar ao comercio de promixidade con feitos e non só con palabras".
A subvención ten como destino a organización da novena edición da Feira de Oportunidades, unha cita que vai a máis cada ano e que concita a asistencia de milleiros de persoas. Os comerciantes quedan tamén comprometidos á organización de actividades de dinamización comercial, entre as que destaca a edición da revista de Coempo. A publicación, que tamén botou a andar durante este mandato municipal, supón un escaparate de promoción, pois a tiraxe alcanza os 6.000 exemplares e repártese polos municipios de Ponte Caldelas, Cotobade, A Lama, Fornelos e Soutomaior.