Os veciños de Xesta acusan o alcalde de facerlles "unha proposición indecente"
Por Oskar Viéitez
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Nun comunicado difundido pola Asociación de Veciños de Xesta, no municipio da Lama, acusan o alcalde de facerlles unha proposición "indecente".
Segundo explican, o alcalde Jorge Canda pediulles que asinen unha solicitude de subvención para facer un baño para persoas con discapacidade no casino de Xesta.
Esta asociación recibiu catro presupostos de distintas empresas que van dos 2.200 aos 3.500 euros de investimento, dependendo das calidades.
Os veciños aseguran que "o alcalde pretende que asinemos a solicitude cun orzamento ao redor dos 10.000 euros", o cal lles parece "desproporcionado e indecente".
Esta asociación lembra a súa "independencia" para poder solicitar axudas e subvencións das distintas institucións, "sen que o alcalde determine para que, como e canto temos que solicitar", engaden.
"O alcalde non comprende aínda que a xente está farta de tantos mangoneos e orzamentos ficticios na administración pública", conclúe o escrito da Asociación de Veciños de Xesta.
O ALCALDE CRITICA A ACTITUDE INAUDITA E OBSTRUCIONISTA
Pola súa banda, o alcalde do Concello da Lama, Jorge Canda, considera "inaudita" a actitude do presidente da Asociación de Veciños de Xesta e portavoz municipal do PSOE, Enrique Vaqueiro, pola súa "incomparecencia" para asinar a solicitude de axuda para tramitar ante a Xunta de Galicia unha subvención para realizar varios traballos de mellora da Casa do Pobo desta parroquia lamense solicitados polos veciños.
A subvención que se presentaría á Xunta iría destinada á colocación dun falso teito acústico que facilite a insonorización e o illamento na zona onde se atopa situado o bar da Casa do Pobo, situado na primeira planta do inmoble, e a instalación dun aseo na adega, na planta baixa, mantendo o aseo existente na cafetería, igualmente en uso.
Para o rexedor da Lama sería "incomprensible" que os veciños perdesen esta "oportunidade de dar resposta ás necesidades detectadas na Casa do Pobo sen que lles custe nada".
Jorge Canda lamenta a actitude do presidente da Asociación de Veciños de Xesta, Enrique Vaqueiro, e considera que "coa súa forma de actuar o único que fai é perxudicar aos seus veciños" e cualificou a súa forma de actuar de "sectarismo político".