Benvida ao guardiña Filipe Lourenço
Por Redacción
O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, e a concelleira de Seguridade Cidadá, Vanessa Rodríguez Búa, recibiron este luns ao axente da Garda Nacional Republicana (GNR), Filipe Lourenço, que conforma unha brigada mixta en Sanxenxo cun axente da Garda Civil, que acudiu acompañado polo alferez de Sanxenxo.
Filipe Lourenço permanecerá destinado en Sanxenxo ata o próximo día 15, xa que Portugal irá relevando aos axentes destinados ás patrullas mixtas cada 15 días, de forma que haberá presenza de autoridades portuguesas nas rúas de Sanxenxo ata o 31 de agosto.
Trátase da primeira vez que Sanxenxo é destino desta iniciativa, denominada "Turismo Seguro", e que intercambia axentes da Garda Civil con GNR e a experiencia, segundo relatou Filipe Lourenço ao alcalde de Sanxenxo, está a resultar moi positiva.
Aínda que Filipe Lourenço acompaña a un axente da Garda Civil de Sanxenxo nas súas tarefas habituais, un dos principais obxectivos é prestar unha atención especial aos cidadáns portugueses que elixen este municipio para veranear, o que supón un plus de tranquilidade para os turistas procedentes do país veciño.
Durante a recepción, Filipe Lourenço trasladou ao alcalde a escasa conflitividade que detectou en Sanxenxo durante os días que leva patrullando o municipio.