Por que o tripartito de Sanxenxo agradece a Telmo Martín a súa valentía?
Por Oskar Viéitez
O goberno local tripartito de Sanxenxo "agradeceu" ao portavoz do grupo municipal do PP, Telmo Martín, a súa "valentía política" ao asumir como unha "consecuencia da súa xestión" o pago dos 3 millóns de euros estipulado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia á familia Rocafort en concepto de expropiación.
"De aí a súa présa en achegar unha solución", indican desde o Concello de Sanxenxo en referencia a proposta de construír un aparcadoiro subterráneo nesta zona verde da rúa das Cunchas.
A sentenza aínda non é firme ao caber contra ela a interposición dun recurso de casación que, unha vez resolto, estipulará o prezo definitivo que haberá que asumir pola parcela.
Segundo o goberno local, coa súa proposta entenden que Telmo Martín "recoñece que non cabe negociación algunha coa familia propietaria da parcela", e que, por tanto, o Partido Popular "deixou pasar en múltiples ocasións a oportunidade de alcanzar un acordo de consenso" que evitase a judicialización deste caso.
O goberno local afirma estar disposto a estudar unha oferta de compra da parcela
Respecto da idea de construír un parking puntualizan que o Concello está suxeito a un Plan de Axuste "consecuencia das políticas económicas impostas polo Partido Popular", que impediría unha nova operación de endebedamento. Tamén cualifican a proposta de "desastrosa para os veciños" e aseguran que non hai demanda de prazas de aparcadoiro na zona, citando o exemplo do proxecto de Rafael Louzán dun parking subterráneo na rúa Luís Rocafort, polo que ningunha empresa se interesou "ao non ver negocio na proposta".
Con todo, o goberno local afirma estar disposto a estudar unha oferta de compra da parcela, por parte dalgunha das empresas de Telmo Martín, para que sexa el quen constrúa e explote o parking en caso de estar disposto a arriscar neste proxecto o seu capital persoal.