O PP abrirá o seu congreso a militantes e simpatizantes para que dean voz aos problemas dos cidadáns
Por Alejandro Espiño
"O Partido Popular ten como gran reto avanzar na busca de solucións ás preocupacións dos cidadáns, traballar a pé de rúa para que os homes e mulleres que viven nos 62 concellos da provincia teñan cada día máis e mellores servizos". Con estas palabras, o presidente do XVI congreso provincial do PP de Pontevedra, Jesús Vázquez Almuiña, explicaba unha das novidades deste cónclave popular.
Apostarase por un congreso "moi participativo", e neste sentido, unha das comunicacións que se debaterán tratará sobre as preocupacións dos cidadáns e a busca de solucións, "dándolle cabida ao maior número de voces posible". Serán, dixo Vázquez Almuiña, militantes de base e simpatizantes os que verbalizarán as necesidades da sociedade, máis preocupada, segundo o dirixente popular "dos problemas que lles afectan que da organización interna dos partidos".
Ademais, a coordinación de servizos públicos será outro dos comunicados que se presentarán nun congreso no que Rafael Louzán foi proclamado oficialmente candidato único á presidencia do partido en Pontevedra ao cumplir "todos os requisitos". El actual presidente presentou en total 2.089 apoios. Optará ao seu quinto mandato consecutivo.
O lema deste XVI congreso provincial do PP, que se celebrará o próximo 23 de marzo no Centro Social Novacaixagalicia de Pontevedra, será "Sigamos avanzando" porque, segundo asegurou Jesús Vázquez Almuiña, "ese é o obxectivo fundamental deste cónclave".
Pola súa banda, Begoña Estévez, secretaria do comité organizador do congreso, lembrou que o vindeiro martes 19 de febreiro, remata o prazo para que os militantes que así o desexen presenten a súa candidatura para poder exercer como compromisarios no Congreso Provincial. Se o número de candidatos supera ao de compromisarios correspondente a cada agrupación local, o 22 de febreiro celebraranse asembleas para a elección dos mesmos entre os candidatos presentados.
En total elixiranse 650 compromisarios, dos que 620 serán elixidos polas agrupacións locais do PP e 30 de Novas Xeracións. A eles hai que engadir os 155 compromisarios natos, co que terán dereito a voto no Congreso un total de 805 persoas. O Partido Popular agarda reunir a unhas 1.000 persoas, entre as que confirmou xa a súa asistencia o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo. Polo momento, se descoñece aínda se asistirá tamén Mariano Rajoy.
Begoña Estévez incidiu en que a organización está "traballando nun congreso dinámico, que sirva para a elección da nova executiva provincial pero, sobre todo, para que reflicta con claridade o punto focal do noso proxecto como partido político, que non é outro que as persoas".