Máis de 2.000 afiliados apoian a candidatura de Louzán á reelección como presidente provincial do PP
Por Redacción
Co apoio de máis de 2.000 militantes do Partido Popular na provincia, Rafael Louzán aspira á reelección como presidente provincial do PP de Pontevedra no vindeiro Congreso Provincial, que terá lugar o 23 de marzo no Auditorio do Centro Social de Novacaixagalicia.
Tras pecharse o prazo de presentación de candidaturas, confírmase que Rafael Louzán será o único candidato a liderar aos populares da provincia de Pontevedra nos próximos anos.
Para logralo, parte xa cun amplísimo apoio das bases do partido, xa que ademais dos alcaldes e voceiros municipais e de diversos cargos a nivel provincial autonómico e estatal que brindan o seu apoio á Rafael Louzán como candidato, o actual presidente logrou reunir a sinatura de uns dous milleiros de afiliados de base que valoran o traballo feito ata o de agora e desexan que siga liderando o partido.
Unha vez pechado o prazo de presentación de candidatos, o Comité Organizador do Congreso (COC) reunirase este xoves para a súa proclamación, despois de validar as sinaturas presentadas e de comprobar posibles alegacións. O presidente e a secretaria do comité organizador, Jesús Vázquez Almuíña e Begoña Estévez, informarán da proclamación do candidato nunha rolda de prensa na que tamén está previsto que avancen outros detalles sobre a celebración do Congreso que o COC está xa pechando.
Este será o quinto congreso que Rafael Louzán afronte como candidato á Presidencia do Partido, despois de que fose elixido por primeira vez o 28 de maio de 2000, e resultase reelixido nos sucesivos tres congresos, celebrados en 2002, 2004 e 2009.