Educación anuncia a ampliación do Instituto Francisco Asorey, en Cambados
Por Redacción
A Consellería de Educación iniciará este mesmo ano a primeira fase das obras de ampliación do IES Francisco Asorey, en Cambados, cun investimento de 251.000 euros neste exercicio.
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou a importancia desta ampliación para poder atender á demanda da implantación da FP Básica neste centro, así como a adaptación dos ciclos formativos profesionais á LOMCE, que pasan a ter unha duración de 2.000 horas.
Román Rodríguez informou que se está ultimando a supervisión do proxecto coa idea de licitar as obras este mesmo mes de xullo. Deste xeito, os labores de ampliación comezarán unha vez iniciado o curso, aínda que en ningún caso interferirán no normal desenvolvemento das clases.
Segundo establece o proxecto, para a ampliación do centro procederase á demolición dunha parte da cuberta existente e, a partires de aí, proceder á construción de novos espazos destinados a aulas e espazos polivalentes.
É dicir, que se substituirá a baixo cuberta actual por unha nova planta, de 600 metros cadrados útiles, que albergará un total de sete novas aulas (2 aulas polivalentes, 3 aulas taller e 2 aulas de desdobre), así como dous aseos e almacén de limpeza.