VIDEO.- O novo cámping de Ons prevé acoller unhas 16.000 persoas este verán
Por Redacción
A illa de Ons xa ten de novo un cámping, só que desta volta non é gratuíto. A cambio, as súas instalacións contan con todas as comodidades e convértese no primeiro cámping galego completamente autosustentable.
Así o destacou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, que acompañada pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participaron este mércores na súa inauguración.
Ambas representantes autonómicas desprazáronse ata a illa para coñecer de primeira man estas novas instalacións, que segundo destacaron aproveitan as enerxías limpas e renovables, ao tempo que adoptan medidas de eficiencia enerxética que minimizan o uso de recursos naturais.
No cámping, que ten unha superficie de 8.000 metros cadrados e unha capacidade para 276 campistas, construíronse dous pozos e un alxibe para optimizar o abastecemento de auga, emprégase a enerxía solar térmica para a auga quente, a electricidade prodúcese a través dunha instalación solar, as billas e as duchas son temporizadas e de baixo caudal para reducir a demanda e conta con iluminación tipo LED con detección de presenza.
Beatriz Mato destacou que grazas a estas novas instalacións, agárdase que a illa de Ons reciba este ano a máis de 100.000 persoas fronte as 83.000 que se achegaron o pasado ano.
De feito, a conselleira asegurou que a previsión coa que traballa o cámping é que 16.000 campistas poidan pasar a noite nestas instalacións ata o 30 de setembro.