Bueu aproba solicitar a declaración de interese turístico de Galicia para as alfombras florais
Por Redacción
As alfombras florais de Bueu deron un último paso para que poidan ser declaradas de interese turístico de Galicia, segundo informa o goberno local. No pleno deste luns aprobouse o envío da solicitude á Axencia Galega de Turismo para que poida avaliar a memoria desta festa que conta cunha ampla tradición na vila, que supera xa os cen anos.
Os trámites esixían que se aprobase a solicitude en pleno para despois poder alcanzar esta declaración. A súa consecución supoñería, segundo o goberno municipal, un factor de atracción e dinamización turística de especial relevancia e valor. En maio de 2002 aprobouse tamén en pleno a Festa do Corpus como "Festa de Interese local" para un ano despois solicitar á Xunta de Galicia a declaración da festa como de interese turístico de Galicia, sen que chegase a iniciarse o expediente.
Por outra banda, no pleno aprobouse o orzamento de 2016. Neste punto desestimáronse as alegacións formuladas polo PSOE e UXT.