Os "Mércores de arquitectura" conmemoran o X aniversario da sede de Afundación
Por Redacción
A sede de Afundación en Pontevedra celebrará durante todo o mes o X aniversario da súa rehabilitación, obra do arquitecto pontevedrés César Portela, cun programa de visitas guiadas e talleres, dirixidos aos nenos para dar a coñecer a historia deste centro, os segredos do seu deseño, as actividades que alberga e as súas características arquitectónicas.
As actividades conmemorativas retomaranse a partir de setembro con conferencias e visitas guiadas para adultos con obxecto de afondar nas características do inmoble, o contexto no que se construíu o edificio orixinal, en 1944, e as sucesivas remodelacións ata a súa inauguración en xullo de 2006.
Este mércores, día 6, comeza a actividade "Mércores de arquitectura", dirixida a nenos entre 4 e 11 anos. Esta iniciativa, que continuará durante todos os mércores do mes (13, 20 e 27), ten a totalidade das prazas cubertas. O obxectivo da proposta é "definir a arquitectura como xeradora dun espazo útil que facilite a vida de quen o habita, fomentar a actitude creativa dos participantes e converterse por un día en pequenos profesionais adquirindo coñecementos básicos teóricos e prácticos de arquitectura".
O programa estrutúrase en dous talleres de catro sesións cada un. O primeiro dirixido a nenos de 4 a 7 anos, que construirán a súa propia casa de bonecas que logo decorarán, e o segundo para nenos de 8 a 11 anos que deseñarán unha vivenda contemporánea, facendo os seus propios planos e creando a súa propia distribución interior como fan os profesionais da arquitectura.