O Concello remite a cancelación das cantidades consignadas para 23 parcelas en O Revel
Por Redacción
Os servizos técnicos municipais remitiron este luns á Caixa Xeral de Depósitos as ordes de cancelación das cantidades consignadas a finais do pasado de maio para proceder ao pago dos terreos pertencentes a particulares e incluídos no ámbito do Plan Especial de Infraestruturas e Dotacións da zona E69B do PXOM de Sanxenxo e afectados polo proxecto de expropiación.
Os afectados recibirán o ingreso nas súas contas correntes nos próximos días.
Foron remitidas por tanto as ordes de pago correspondentes a 23 parcelas, das 33 que integran o ámbito, xa que catro propietarios cobraran xa as cantidades correspondentes ao presentar a documentación requirida cando foron citados ao levantamento do acta de pago e ocupación. Das nove restantes, dous son de titularidade dubidosa e seis propietarios rexeitaron o cobro ata que se resolva o recurso presentado contra a resolución do Xurado de Expropiación. Falta por tanto un propietario, pendente aínda de achegar a documentación solicitada.
Cabe lembrar que o pasado 25 de abril o Concello de Sanxenxo notificou aos propietarios para que o 18 de maio acudisen ao levantamento de actas, que tivo lugar no salón de plenos municipal. Na carta facíase constar que debían achegar unha certificación rexistral ao seu favor "ou no seu defecto, os títulos xustificativos da súa propiedade ou dos dereitos completados con certificación negativa do Rexistro da Propiedade referidas ás mesmas fincas descritas nos títulos".
Con todo, a maior parte dos propietarios non puideron achegar os certificados na data demandada, por un erro non achacable ao Concello de Sanxenxo, o que atrasou o pago ata o momento actual.