'Savia' nova para a feira taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia
Un dos males que nos últimos anos veñen aburando á festa taurina é a monotonía. A reiteración de figuras e por tanto de carteis foron outro de motivos que incidiron na manida crise do sector. Pero a tesitura parece ter os días contados e os xóvenes matadores están a conseguir que a afección volva recuperar a emoción da novidade e que os destros veteranos teñan que espolearse nos seus "quefaceres" ante os touros.
Ese aire fresco, esa savia nova, é o reflexo dos tres carteis da feira taurina da Peregrina 2016. Carteis por certo, que por segundo ano consecutivo tamén innovan grazas á iniciativa da Coordinadora de Peñas Taurinas de Pontevedra e o seu concurso de carteis.
O primeiro dos debutantes, Roca Rey, chegará á cidade do Lérez o domingo 7 de agosto, compartindo cartel con Morante de la Puebla e Julián López, El Juli. Completan o cartel os touros de Alcurrucén que xa desde o ano pasado están a dar grandes triunfos ás figuras en prazas de Primeira, e que este ano, na feira de San Isidro, conseguiron con "Malagueño" o premio ao mellor touro da cita madrileña.
Precisamente, José María Manzanares, triunfador de San Isidro, tamén volve a Pontevedra despois de cinco anos de ausencia e saíndo aos ombreiros naquela ocasión. Será o domingo 14 xunto a David Fandila, o Fandi; e a Cayetano Rivera. O destro madrileño pisará por primeira vez o albero sanrroqueño como matador, xa que a última ocasión en que estivo nesta praza, foi aínda como novillero. A petición da terna - como apuntaba o empresario-, lidaranse hastados de Torrealta.
O sábado 13 de agosto terá lugar o festexo mixto co 'rejoneador' Diego Ventura e debutan os matadores López Simón e Alvaro Lorenzo. O mozo madrileño conseguiu subir o máis alto do escalafón desta tempada; mentres que o toledano, que tomou o alternativa este mesmo ano, tamén busca o seu oco entre esta fornada de novos matadores que veñen garantir o futuro da festa.
Eduardo Lozano, sinalaba durante a presentanción que "sería una desilusión que no se vendiera todo el papel el día 7 de agosto"; mentres que para o resto de festexos estímase que debe roldar o 70% do aforamento. Os prezos mantéñense igual un ano máis. A renovación de abonos será entre o 25 e o 28 de xullo; os novos abonos entre o 29 e o 30; e as entradas soltas poderanse adquirir a partir do un de agosto.