O "raca, raca, raca" da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O Plan Concellos ou o Plan Louzán, esa é a cuestión principal que divide á corporación provincial, polo modelo de repartición do diñeiro da Deputación.
Por unha banda o Goberno provincial que ostentan PSOE e BNG defende unha "repartición equitativa por principios entre os concellos" sen inxerencias da institución provincial, fronte aos populares que reivindican o anterior modelo no que era o propio presidente Rafael Louzán quen decidía de forma discrecional o destino dunha parte importante do orzamento.
Os debates políticos dos plenos da Deputación viran unha e outra vez sobre este asunto. É o que o vicepresidente César Mosquera denomina o "raca, raca, raca" do Partido Popular.
Tal e como avanzara a presidenta Carmela Silva nos micrófonos de PontevedraViva Radio, o goberno provincial remitirá unha carta aos alcaldes para que digan se prefiren a repartición actual ou volver "ao modelo anterior".
Como dixo Mosquera durante o pleno "se seguen co raca, raca, raca, se cadra nos convencen de que hai que volver ao sistema anterior", ao que respondeu triunfante a portavoz do Partido Popular, Nidia Arévalo, "vostede non se preocupe que nos seguiremos co raca, raca, raca", contestou entre as risas dos seus.
Do pleno celebrado este xoves só lembraranse dúas circunstancias: que se celebrou na sala de xuntas ao estar o salón en obras, e que se aprobou o novo regulamento para o funcionamento xeral da Deputación no que se volven a eliminar os "privilexios e a discrecionalidad" nas decisións que tiña ata agora a Presidencia.
O deputado de Marea, Xosé Lois Jácome, cualificou o texto de "bastante razoable", aínda que se abstivo na votación porque as distintas candidaturas desta formación "aínda non tiveron tempo de estudalo".
Relacionadas:
-
Un alcalde, un voto
Por Redacción |
-
"Algún erro cometeriamos, pero non se me ocorre ningún". Primeiro ano da nova Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva esixe ao PP que "deixe de mentir" con argumentos "pueriles e sen contido"
Por Alejandro Espiño |
-
A ruptura do pacto entre o PSOE e o BNG en Lugo non afectará a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O goberno da Deputación leva ao Pleno a aprobación dun novo regulamento
Por Oskar Viéitez |