"Algún erro cometeriamos, pero non se me ocorre ningún". Primeiro ano da nova Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
O goberno provincial da Deputación de Pontevedra, conformado polo Partido Socialista e o BNG, celebrou este venres cun acto institucional o seu primeiro ano de mandato.
O histórico edificio do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu un concorrido acto no que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, ocupouse en "dar conta" de toda a actividade de goberno despregada durante os últimos 365 días.
Antes do discurso de Carmela Silva, tomou a palabra o vicepresidente da institución, o nacionalista César Mosquera que destacou que no goberno coaligado "somos un equipo e funcionamos como un equipo" e subliñou que "sorprendentemente, para aqueles que estaban coas escopetas cargadas, funcionamos moito mellor do que se puidese supoñer" o que xustificou no feito de que "temos unhas bases sólidas, claras e definidas" en referencia ao programa de goberno establecido ao comezo do mandato.
Mosquera concluíu dicindo que no goberno provincial son "extraordinariamente ambiciosos" polo que se impuxeron ser "radicalmente equitativos e transparentes", terminando co "caciquismo" e os "privilexios" que existían na anterior etapa do Partido Popular.
Carmela Silva tomou a substitución de Mosquera agradecendo a todos os funcionarios da Deputación o traballo e profesionalidade demostrada "grazas de todo corazón" dixo, e recoñeceu, un por un, a entrega dos deputados que conforman o equipo de goberno.
A continuación fixo un extenso repaso pola multitude de iniciativas que "coas persoas postas no centro das nosas políticas" desenvolvéronse durante este tempo.
"Herdamos unha provincia con serias carencias", dixo Carmela Silva poñendo o acento na "moi ineficiente organización dos recursos" polo que fronte a aqueles que lles cuestionan preguntou: "que queren, que nós fagamos nun ano aquilo que vostedes non fixeron en 35?".
Carmela Silva: "que queren, que nós fagamos nun ano aquilo que vostedes non fixeron en 35?"
Carmela Silva asegurou que na nova Deputación "estamos a cumprir" e puntualizou que "agora" os programas e os plans debátense cos interesados, e citou os programas sociais, de emprego, de actividades deportivas, de mocidade, de igualdade, de tratamento de residuos, de cultura, de infraestruturas, de turismo ou de innovación.
Silva proclamou "temos un obxectivo claro: non facer política para os pobos e as cidades, senón coas cidades e cos pobos" e fixo referencia ao Plan Concellos.
"Algún erro cometeriamos, pero non se me ocorre ningún", chanceou a presidenta da Deputación antes de terminar animando a todos "a seguir traballando".
Relacionadas:
-
Carmela Silva chama "primo de Zumosol" a Rueda por participar nun acto de protesta do PP contra a Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Para o PP provincial, a Deputación está comandada por "un goberno de urbanitas"
Por Diego Espiño |
-
Deputación e Concello presumen da súa "extraordinaria relación"
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
A ruptura do pacto entre o PSOE e o BNG en Lugo non afectará a Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O "raca, raca, raca" da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |