Do alcohol ás drogas, sempre cunha man ao volante e sen carné de conducir
Por Redacción
Alfredo Jiménez Montoya é o condutor máis famoso entre os axentes de seguridade en Pontevedra. Leva trece condenas acumuladas por conducir baixo os efectos do alcohol e por conducir sen carné. A esta cifra hai que sumarlle dúas detencións máis tras ser parado cando circulaba e dar positivo no control de alcoholemia. Non obstante, aos correspondentes xuízos rápidos non asistiu e por iso ditáronse xa tres ordes de arresto.
A Policía local localizou o mozo condutor este luns ao volante da súa furgoneta Ford estacionando nunha praza de discapacitados na rúa Eduardo Pondal. Tras volver arrancar o vehículo, os axentes déronlle o alto á altura do número 20 da mesma rúa. O condutor rexeitou ter inxerido alcohol pero si recoñeceu, sen problemas, o consumo de droga. Segundo fontes policiais, tras sometelo á proba de toxicoloxía, o mozo deu positivo en cocaína e en metanfetaminas.
O condutor non chegou a ser detido e o informe policial remitiuse aos xulgados sumándolle unha proposta de sanción pola vía administrativa. A furgoneta, propiedade da muller de Alfredo Jiménez, foi inmobilizada polos axentes.
Positivo en heroína
Outro caso de condución baixo os efectos das drogas produciuse ás 9 da mañá deste luns 4. Un home de mediana idade impactou o seu vehículo, unha Alfa Romeo, contra un Chrysler que se encontraba aparcado en dobre fila na rúa Echegaray. A Policía local fíxolle a proba de alcoholemia ao condutor na que deu negativo pero, non obstante, na proba de drogas o resultado foi positivo en heroína.